¿Que din os rumorosos
na costa verdescente
ó raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
"Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non dés a esquecemento
da inxúria o rudo encono;
esperta do teu sono
fogar de Breogán.
"Os bós e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
máis só os iñorantes,
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.
"Os tempos son chegados
dos bardos das idades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois onde qúer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
Nazón de Breogán".